Friday 03 de May de 2024

O Concello de Frades organiza este venres unha cabalgata dos Reis Magos por Ponte Carreira e una Festa de Reis no polideportivo


Os Reis Magos chegarán a Frades este venres 5 de xaneiro, onde a partir das 16:00 horas participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e despois tomarán parte nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal, de 17:00 a 20:00 horas.

As Súas Maxestades chegarán en pick-up acompañados por varias mascotas e percorrerán o centro de Ponte Carreira. Tras ese primeiro contacto coa rapazada, a comitiva partirá cara o polideportivo municipal de Ponte Carreira acompañada polas persoas asistentes. Á entrada do polideportivo municipal haberá un canón de neve, onde os nenos e nenas poderán xogar mentres Melchor, Gaspar e Baltasar preparan a súa entrada nas instalacións, que terá lugar en torno ás 17:00 horas.

Ademais da Recepción Real dos Reis Magos a toda a rapazada, o pavillón municipal acollerá unha gran Festa de Reis con inchables, animación, bailes, xogos, obradoiros e mascotas. O Concello de Frades repartirá lambetadas a toda a rapazada presente así como chocolate con roscón para todas as persoas asistentes. A participación é libre e de balde, sen que sexa preciso ningún tipo de inscrición previa.